Hemeroteca web
|
RSS
Martes 22.05.2012
| Actualizado 12.06
Uns 500 colectivos sociais subscribiron un manifesto contra a contaminación electromagnética, onde apreman aos partidos políticos para tomar medidas para protexer a saúde dos cidadáns fronte ás radiacións electromagnéticas.
Con motivo do Día Internacional contra a Contaminación Electromagnética, hoxe, o citado documento envióuselles onte aos secretarios xerais das distintas formacións políticas. No manifesto, os asinantes recordan que no pasado mes de maio, a Organización Mundial da Saúde (OMS) clasificou os campos electromagnéticos de radiofrecuencia como "posible canceríxeno en humanos", baseándose nun maior risco de glioma -un cancro do cerebro- asociado co uso de móbiles.
Nesta mesma clasificación de risco xa foron incluídos en 2002 os campos magnéticos de baixa frecuencia, é dicir, os producidos por torres de alta tensión, transformadores urbanos e instalacións eléctricas, entre outros.
As organizacións asinantes esíxenlles aos lexisladores e a todas as administracións que apliquen correctamente o principio de precaución e modifiquen os límites de exposición actualmente contemplados pola lei. O texto reclama, ademais, que as compañías eléctricas e de telecomunicacións adopten medidas no menor prazo de tempo posible para resolver "toda situación que poida provocar dano á saúde das persoas".
Entre outras cousas, impedindo que haxa torres de alta tensión ou transformadores preto das vivendas, afastando as antenas de telefonía do interior das poboacións e eliminando os sistemas Wi-Fi das escolas, centros comerciais, hoteis, parques e outros lugares de esparexemento público.
Doutra banda, o texto do manifesto nega que haxa un debate científico real sobre o potencial risco das radiacións electromagnéticas e cualifica de "inadmisible" que cando os cidadáns deciden defender os seus dereitos, o sistema lles esixe que sexan eles quen demostren os efectos nocivos das tecnoloxías que os rodean.
Entre os asinantes figuran a Plataforma estatal contra a contaminación electromagnética, a Asociación de enfermos de fibromialxia e síndrome de fatiga crónica de Asturias, a Confederación española de pais e nais de alumnos, Ecoloxistas en acción e o Instituto sindical de traballo.
