Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 18.10.2018 Actualizado 20:34
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Sociedade

:: reportaxe

Os esquecidos do metílico

Mil persoas faleceron ou quedaron cegas nos anos 60 por beber alcohol tóxico distribuído pola adega ourensá de Rogelio Aguiar. Cincuenta anos despois, e sen cobrar indemnizacións, os familiares das vítimas piden que se reabra o caso

NATALIA SEQUEIRO   | 27.09.2010 
A- A+

A bodega de Rogelio Aguiar, en Ourense, de onde partiron os 75.000 litros de metílico

Emilio Rodríguez seguiu unha ma­ñá de abril de 1963 o seu costum­e de almorzar galletas e unha copa de licor café. O grolo matu­tino cambiou o resto da súa vida. Primeiro sorprendeuse ó ver que os campos de Ribadavia estaban nevados, mentres se afeitaba pareceulle que a neve caía no seu propio cuarto de baño e tras unha luz branca cegadora, xa non volveu ver nunca máis. Emilio foi unha das vítimas do metílico, un al­cohol letal comercializado nos 60 que acabou coa vida de cen­tos de persoas. Case 50 anos des­pois da traxedia, os afectados continúan no esquecemento e nin seque­ra recibiron a indemnización que se lles prometeu tras o xuízo. Agora queren que se reabra o caso e saia á luz toda a ver­dade sobre un dos maiores envelenamentos masivos da historia.

Na primavera de 1963 unha cadea de mortes inexplicables sacudiu o rural galego e a costa canaria. Mariñeiros de Lanzaro­ falecían repetentinamente do mesmo xeito que decenas de campesiños no Carballiño. Moitas mor­tes pasaron inadvertidas, pero na localidade de Faría (Lanzarote) a farmacéutica María Elisa Álvarez percatouse de que había un nexo común en todas elas: os faleci­dos viñan das tarbernas. Álva­rez logrou demostrar na súa propia botica que as botellas de ron da viguesa Lago e Hijos S.L contiñan o tóxico metílico e a partir de aí a trama comezou a escla­recerse. Casa Lago contratara a materia prima dos seus licores ó industrial ourensán Rogelio Aguiar Fernández, quen adquirira 75.000 litros de metílico a un almacén de Madrid que usou para producir augardente que despois distribuía a outras adegas. "Sabían que era tóxico", defende Fernando Méndez, au­tor do libro Historia dun crime. O caso metílico, para o que realizou unha investigación de varios anos. "Sabíano porque ninguén nas súas fami­lias resultou afectado, pero pen­saban que rebaixándoo con auga igual non facía tanto dano", relata o escritor e xornalista.

O obxectivo principal era o negocio. Por un litro de metílico pagaban 14 pese­tas, 16 menos que polo alcol etílico. As bebidas intoxicadas chegaron ó mercado a un prezo moi inferior ós outros licores da competencia polo que os seus letais efectos cebáronse coas clases baixas. Aínda que as botellas enveledadas se distribuíron por toda España -e ata chega­ron ó Sáhara, Senegal ou Alema­ña- onde máis aceptación tivo a augardente de Rogelio Aguiar foi en Ourense. Os problemas de saúde non tardaron en aflorar. As mortes sucedíanse sen unha explicación razoable e moitos foron enterrados sen realizarse ningunha autopsia que confirmase o seu envelenamento.

Oficialmente a xustiza só constatou 51 falecementos e 9 ce­gueiras. Pero o fiscal que levou o caso, Fernando Seoane, calculaba que as mortes poderían sobrepa­sar o milleiro. Unha soa copa de li­cor bastaba para matar ou deixar cega unha persoa. O metanol -que fora obtido do car­bón- abrasaba o nervio óptico, despois o fígado e logo o siste­ma nervioso.

Destapado o escán­dalo, a alarma social estendeuse por bares e tabernas. Numero­sas botellas foron incautadas e moitos negocios tiveron que pechar. "A imaxe de Galicia no resto de España quedou seria­mente tocada", indica Fernando Méndez, quen asegura que se vinculaba a comunidade como a culpable do envelenamento. O 1 de decembro de 1967 co­mezou o xuízo, tras catro anos de investigación. O maxistra­do José Cora -hoxe xa falecido e que foi anos máis tarde Valedor do Pobo- fora o encarga­do de instruír o caso. Os 36.000 folios e 80 quilos de peso do su­mario, convertérono no máis grande de España. Cora colocou no banco once acusados e a dous responsables civís subsi­diarios. Tres semanas despois coñecíase o veredicto. Os acusados eran condenados a penas de entre 1 e 20 anos de prisión por delitos contra a saúde pública e imprudencia temeraria. A sala­ recoñecía que os procesados non tiveron intención de matar ou causar lesións, aínda que si obraran "por un afán desmedido de enriquecemento á conta da comercialización do metílico".

A sentenza obrigaba tamén ós adegueiros a indemnizar as vítimas, pero estes decla­ráronse insolventes e os familiares dos mortos nunca recibiron o diñeiro. Tampouco se aclarou a responsabilidade das autorida­des da época franquista pola ausencia de inspeccións sani­tarias nas adegas.

Fernando Méndez considera que as vícti­mais deberían ser resarcidas eco­nomicamente. Algúns familiares dos falecidos comezaron a organizarse para ver se existe algunha posibilididade de reabrir o caso metílico nos tri­bunais.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS