Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 21.09.2017 Actualizado 20:28
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Sociedade

GALIZA

Galicia: epidemia de dependentes

No 66% dos concellos galegos viven dous maiores de 65 anos por cada persoa nova, o que producirá en breve unha "epidemia de persoas dependentes na comunidade"

E.P. . SANTIAGO .   | 01.05.2011 
A- A+

Expertos alertaron este sábado do "tsunami do abismo xeracional" que, na súa opinión, sufrirá Galiza nos próximos anos, así como da "epidemia de persoas dependentes" que se aveciña por consecuencia do envellecemento da poboación.

Así o explicou Luis Lorenzo Mur, xerente adxunto de Benestar do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade durante a súa intervención no Congreso da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría que se celebrou ata este sábado na Facultade de Medicina de Santiago de Compostela.

En particular, Lorenzo Mur recordou que no último informe de poboación do Instituto Galego de Estatística (IGE) revela que no 66 por cento do total de concellos galegos, é dicir, en 199 do total de 315, viven dous maiores de 65 anos por cada persoa nova. Esta cifra, xunto á circunstancia de que se triplicou nos últimos dez anos, demostra, en opinión deste experto, a "inmediatez" coa que Galiza "está entrando no abismo demográfico". "Vai chegar un tsunami que nos vai coller tomando o sol" advertiu Luis Lorenzo Mur. Particularmente, Mur explicou que se está producindo un gran cambio demográfico, marcado polo avellentamento" e para o que a sociedade galega "non está preparada", un fenómeno que será evidente entre os próximos 20-30 anos, polo que insistiu en que "as políticas de servizos de atención xeriátrica e xerontolóxica teñen que ser a longo prazo".

Segundo apuntou este experto, nos núcleos rurais galegos viven 50.000 persoas maiores de 65 anos con pensións non contributivas de 671 euros de media fronte ós 818 euros do Estado, ao que se suma unha particular orografía, dispersión demográfica e a soidade na que viven preto de 60.000 persoas maiores de 80 anos na Comunidade, un colectivo que precisa dunha atención á Dependencia especial. "Podemos continuar coa tendencia a deixar todo como está, co cal o rural galego morrerá irremediablemente nuns anos, ou loitar pola cohesión territorial e a cohesión cultural", indicou.

Na mesma liña, o experto destacou que a sociedade galega estará "sustentada en poucos anos nun contexto de dependencia", xa que "existirá unha epidemia de alzhéimer" e, consecuentemente "unha epidemia de persoas dependentes". "Actualmente o 10 por cento das persoas maiores en Galicia sofre algún tipo de demencia e cerca do 40 por cento das persoas que xa a padecen están sen diagnosticar", sinalou, á vez que viu a "clave" para atrasar o inicio destas patoloxías, a "prevención".

DATOS

Só un 15% ten menos de 20 anos

Galiza arrincou o ano cunha poboación de 2.736.636 habitantes, un 0,7 por cento menos que os rexistrados a 1 de xaneiro de 2010, cando os galegos ascendían a 2.738.591 e acentúa os seus problemas demográficos e envellecemento. Así o evidencia a estimación de poboación actual do Instituto Nacional de Estatística actualizada a 1 de xaneiro, que indica un incremento do 0,35% no número de habitantes en España no último ano, ata as 46.152.925 persoas.

En concreto, na comuinidade galega hai un total de 1.317.910 homes e 1.418.726 mulleres, o que representa 1.055 homes menos e 899 mulleres menos que na mesma data de 2010. Ademais, o 15,8% da poboación en Galiza -433.049 habitantes- teñen menos de 20 anos, fronte ó 22 por cento -603.761 habitantes- que teñen máis de 65. Ademais, o 28 por cento -766.277 persoas- teñen entre 20 e 40 anos e un 34,1 por cento -933.550- teñen entre corenta e sesenta e cinco anos.

Por provincias, é A Coruña a que alberga unha maior poboación, con 1.125.354 habitantes -540.121 homes e 585.233 mulleres- seguida de Pontevedra, con 947.435 persoas -458.459 homes e 488.975 mulleres. A continuación sitúase Lugo, con 339.793 habitantes -163.677 homes e 176.116 mulleres- e Ourense, con 324.055 residentes -155.653 homes e 168.402 mulleres.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS