Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 18.11.2019 Actualizado 13:56
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Sociedade

crise dos cogombros

Galicia verase afectada

Os sindicatos agrarios din que o efecto se deixará sentir malia que Alemaña recoñeceu onte o seu erro ó apuntar a España sen probas

AXENCIAS . SANTIAGO/MADRID/BERLÍN   | 01.06.2011 
A- A+

MARCUS BRANDT
A senadora de Hamburgo, Cornelia Prüfer-Stork, na rolda de prensa onde ‘exculpou’ os cogombros españois
FOTO: MARCUS BRANDT

Os sindicatos Unións Agrarias (UUAA), Xóvenes Agricultores (XXAA) e Sindicato Labrego Galego (SLG) avisaron onte de que a crise dos cogombros afectará a Galicia, malia que onte, dende Alemaña, recoñeceron que os vexetais españois non están na orixe da epidemia. Con todo, prevese unha caída do consumo de produtos hortofrutícolas e dos seus prezos. Así, o secretario xeral de XXAA, Francisco Bello, indicou que a repercusión económica para o sector en España "é moi forte". "O dano xa está feito", lamentou e indicou que será necesario "avaliar as perdas e, sobre todo, as diminucións de consumo", un punto no cal considera que Galicia tamén sufrirá as consecuencias e que se estenderá a outros cultivos.

As tres organizacións coincidiron tamén ó indicar que a produción de cogombro en Galicia non é grande e que, ademais, a tempada deste vexetal comeza un pouco máis tarde no norte que no sur, polo cal non se iniciará na comunidade ata dentro duns 15 días.

O responsable de Horta do SLG, Miguel Méndez, mostrouse "seguro" de que esta crise repercutirá nos produtores galegos. "A xente colle medo e retrae o consumo", dixo e indicou que isto arrastrará tamén á baixa os prezos. Tamén apuntou que se os vexetais procedentes do sur da península non se poden colocar en mercados estranxeiros trataranse de vender no interno e manifestou o seu temor a que se produza unha situación de dumping (venda por baixo do prezo de produción).

O impacto na economía galega e, en especial, na andaluza, producirase, na opinión dos sindicatos, a pesar de que as novas análises realizadas nos cogombros procedentes de España, ós cales as autoridades alemás responsabilizaran do xermolo mortal de Escherichia coli que deixou xa uns quince mortos no país, demostraron que non portaban a cepa da bacteria que provocou as mortes.

O responsable de UUAA, Roberto García, reprochou que Alemaña acuse sen probas un país e un sector", dado que "a simple alarma da noticia xera danos, non só no produto concreto, senón en xeral na produción". "Todo parece indicar que vai haber unha caída do consumo; estase notando pero aínda non somos capaces de avaliar o que caeu", dixo..

PENA CAPITAL

A lei chinesa endurécese: ollo por ollo

Os responsables de intoxicacións intencionadas poderán enfrontarse ata a pena de morte en China, despois de que a xustiza local endurecese os castigos como medida disuasoria contra un delito crecente. Escándalos recentes como o leite adulterado con melanina para aumentar o resultado de proteínas nas análises, carne de porco con nitritos para preservar a súa cor, fresas perfumadas con químicos ou polos alimentados con pinturas e plásticos para incrementar o seu peso, volveron disparar alarma entre os desprotexidos consumidores chineses.

No caso da melanina, seis bebés morreron no 2008 e outros 300.000 padecen diversas enfermidades renais, mentres que un xarope adulterado con líquido de freos e exportado a Panamá matou no 2007 a 142 persoas.

As medidas aplicadas por Pequín para recuperar a credibilidade dos produtos "made in China" só beneficiaron o sector da exportación, mentres que o mercado doméstico segue desprotexido ante a cobiza dos produtores. Para mostra, o caso desvelado este mes no leste de China, onde varías sandías "estouraron" despois de que os agricultores usasen substancias químicas para acelerar o seu crecemento. Por este motivo, o Tribunal Popular Supremo (TPS) de China anunciou un endurecemento das penas que aplican, incluíndo a pena capital, "para aqueles achados culpables de violacións de seguridade alimentaria que resulten en mortes humanas".

No entanto, grupos de dereitos humanos como Human Rights Watch (HRW), aseguran que o problema da seguridade alimentaria está relacionado coa censura. "É unha aproximación punitiva inapropiada para un problema que está arraigado no estrangulamento que o Goberno chinés exerce sobre a liberdade de prensa e de expresión", manifestou Phelim Kine, investigador para Asia de HRW, que mencionou a ocultación da epidemia de pneumonía atípica (SRAS) no 2003, ou do leite adulterado con melanina no 2008.

REACCIÓNS

Perderanse 150 millóns de euros

Agricultores almerienses víronse obrigados nos últimos días a arrincar a súa produción de cogombros para tiralos ante a paralización da comercialización hortofrutícola pola alerta sanitaria xerada en Alemaña. Segundo cálculos da asociación sectorial Hortyfruta, de acordo ós datos da campaña anterior, a crise dos cogombros pode supor para o sector unhas perdas de 230 millóns de quilos por valor de 150 millóns de euros.

As institucións, cos produtores

O vicepresidente primeiro do Goberno, Alfredo Pérez Rubalcaba, e a ministra de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño, Rosa Aguilar, reuniranse hoxe en Almería con representantes do sector hortofrutícola para analizar as consecuencias da crise do cogombro. Segundo informou o Executivo nun comunicado, os dous ministros estarán acompañados na visita e nas reunións polo presidente da Xunta de Andalucía, José Antonio Griñán.

A cohesión da UE, en perigo

O presidente en funcións da Xunta de Estremadura, Guillermo Fernández Vara, cre que "alguén" lle quixo "facer dano" a España lanzando as sospeitas sobre as hortalizas nacionais. "Deberá pagalo. Non pode saírlle gratis", afirmou en Twitter, onde tamén asegurou que a crise debe provocar "unha profunda reflexión na UE": "Haberá que preguntarse cantos seguimos crendo nunha Europa cohesionada e non nun puro e duro mercado".

DATOS

Sen rastro da virulenta bacteria

Os cogombros españois non son a orixe do xermolo da agresiva variante de Escherichia coli que matou quince persoas e afectou a 1.400 en Alemaña, segundo anunciou onte a autoridade sanitaria da cidade de Hamburgo, epicentro da infección. A senadora Cornelia Prüfer-Storks, que inicialmente apunta ós cogombros españois como causa do problema, recoñeceu onte que o estudo comparativo realizado en laboratorio evidenciou que a variante agresiva e resistente desta bacteria descuberta nas feces dos afectados, a O104, non coincide coa descuberta nos vexetais españois do mercado de Hamburgo.

A UE xa estuda compensacións

A Unión Europea estuda como compensar os produtores hortofrutícolas españois polas perdas sufridas. Con todo, España non deixará de presentar ante a Comisión Europea peticións de indemnización despois de que algúns países centroeuropeos, así como Rusia e Reino Unido, suspendesen totalmente os seus pedidos de hortalizas a España desde que estourase a chamada "crise do cogombro". O comisario europeo de Agricultura, Dacian Ciolos, xa indicou que Bruxelas dispón de varios mecanismos para responder ante crises no sector hortofrutícola.

Discrepancia no número de mortes

A Comisión Europea afirmou que segundo os seus datos oficiais de falecidos como consecuencia do xermolo patóxeno de Escherichia coli, os mortos en Alemaña son tres e non 15, "a non ser que as autoridades xermanas nos estean informando con atraso", explicou a voceira Pia Ahrenkilde.

Doutra banda, as autoridades suecas informaron onte do primeiro falecemento no seu país, mentres en España, as autoridades sanitarias vascas confirmaron que hai un caso sospeitoso en San Sebastián, un home de 40 anos que está ingresado grave tras volver dunha viaxe por Alemaña.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS