Hemeroteca web  |  RSS  RSS
Martes 22.05.2012  | Actualizado 12.06

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Santiagoteespera.com
Sociedade

medio NATURAL

Guía para principiantes na ecoagricultura

01.08.2010  A nova corrente que busca o punto de unión entre a conciencia ecolóxica, o mantemento de estruturas produtivas agrarias sostibles e o reforzo de políticas alimentarias propias de cada país comeza a facerse oír de xeito contundente

0.0/5 [0 Voto/s]

0
Comparte en Tuenti
Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

ALBA CARID CAO

Intentar ofrecer unha definición concreta do que é a ecoloxía é relativamente sinxelo. Segundo a definición ofrecida polo dicionario da Real Academia Galega, este termo fai referencia á "ciencia que estuda as relacións que manteñen os seres vivos entre si e co medio en que viven". Ben é certo que todos ós que nos corre un fluxo vital polas veas (chámese sangue ou seiva) temos que relacionarnos forzosamente nun mesmo escenario, e a clave para que a convivencia sexa boa reside en saber atopar un equilibrio entre as necesidades individuais de cada un. Pero se hai un ámbito no que este diálogo ten que coidarse ata o extremo é no agro. Sobre todo, se como humanos dependemos directamente del para sobrevivir.

A agricultura foi unha das primeiras artes que os humanos primitivos tiveron que aprender a dominar para lograr unha certa independencia co medio natural que os rodeaba, xa que é obvio que non é o mesmo saír a ver se se atopa algo, que ter a certeza que nun determinado lugar existe dese produto que se precisa, e na cantidade xusta que se desexa, posto que previamente xa se puxeron os medios para que así fose. O único problema que habería sería o non poder controlar o clima da temporada, e descoñecer se será beneficioso para que eses anceios primarios se fagan realidade, ou se pola contra fará que se estrague toda a colleita. Pouco a pouco, fóronse achando medios e sistemas que asegurasen unha certa independencia respecto del, chegando ao seu punto máximo de desenvolvemento a partir da Revolución Industrial, onde se mudou o punto de vista e intentouse controlar o clima e as colleitas para poder satisfacer a crecente poboación do mundo, e non só as necesidades a pequena escala das comunidades.

Neste punto comeza o problema. As estruturas produtivas comezan a mudar a unha velocidade de vertixe, e os pequenos labregos comezan a traballar para empresas que buscan atopar a máxima rendibilidade desas explotacións. O aceleramento deste proceso ao longo de todo o século XX fixo que, nas últimas décadas, comezasen a coller forza movementos de protesta ante situacións que, consideraban, inxustas para os labregos que non se podían adaptar aos canons que esta forma de produción establecía. O movemento hippy dos anos sesenta non fixo máis que darlle o último pulo para que, hoxe en día, poidamos falar de agricultura ecolóxica. Que, outra vez, volve ser un concepto difícil de acotar a unha determinada definición, debido a todos os sub-movementos que, partindo dunha mesma base, aportan diferentes puntos de vista: agricultura ecolóxica seguindo o método biorgánico, biolóxico-dinámico, orgánico e o máis novidoso: a ecoagricultura. Este concepto, pode que un dos máis novidosos, está a captar a atención de moitos expertos. De feito, a Universidade de Santiago de Compostela vén de clausurar un curso no que afondaban no seu sentido. Dende a Fundación Galicia Verde (cuxo presidente, Henrique Banet López de Rego, foi un dos organizadores do devandito curso) definen a ecoagricultura como un tipo de agricultura biolóxica que nace como unha reacción social fronte á industrialización do sector agrícola e a manipulación do consumo. Esta corrente ten unha certa compoñente ideolóxica que defende toda a teoría relacionada coas teses a favor da soberanía alimentaria dos pobos e países do mundo.

Este concepto fai referencia á facultade que calquera Estado ten á hora de definir as súas propias políticas agrarias, de acordo con obxectivos de desenvolvemento sostible e seguridade alimentaria. En opinión da secretaria de Organización do Sindicato Labrego Galego (SLG) e membro da comisión representante de Europa no movemento internacional Vía Campesiña, Lidia Senra, "a soberanía alimentaria é o camiño, xa que calquera país que non decide sobre as súas políticas alimentarias é un país dependente". Senra tamén establece dúas vías para que este idea teña un desenvolvemento real nun territorio. O primeiro ámbito que habería que ter en conta é o político-institucional, onde os representantes mudarían as estruturas produtivas e buscarían eles mesmos vías de explotación que tivesen en conta as necesidades desa sociedade, sen delegar esa facultade en compañías empresariais multinacionais. Segundo a secretaria do SLG, "os gobernantes estannos a facer totalmente dependentes das multinacionais, xa que a política que se está a aplicar vai nese sentido".

O segundo ámbito onde se podería traballar por lograr unha soberanía alimentaria de feito é no modo de achegar ao público os produtos agrarios. Senra defende que habería que incidir nas políticas agrarias locais, de xeito que permitan potenciar a produción a pequena escala dos labregos e priorizala sobre outras formas industriais.

Derivado desta idea, a agroecoloxía busca o potenciamento dos mercados locais. Este enfoque é moi importante para colectivos como a Asociación Verdegaia, colectivo ecoloxista do que Xan Duro é o coordinador xeral. Na súa opinión, "cada país ten dereito a satisfacer as súas necesidades alimentarias propias do xeito máis natural e sustentable posible, sempre apoiándose na base do comercio local". Duro sinala este modo de produción coma a única alternativa posible a unha agricultura industrial "que está a destruír o tecido do agro galego". "O modo de produción industrial está baseado nos cultivos nos que se usan produtos agrotóxicos, que ofrece grandes beneficios aos intermediarios pero onde os pequenos produtores non lles queda máis que un escaso marxe para sobrevivir", sinala o coordinador de Verdegaia. Quizais conscientes desta situación, cada día son máis os consumidores que se achegan ao comercio local "dende distintos puntos de vista, dende quen ten unha conciencia ecolóxica moi sensible ata quen simplemente é un gourmet". E é que saber o que se come é un luxo. Tanto, que un dos medos comúns que fan que cada día máis xente mire a ecoagricultura como única vía de solución é a incerteza que existe ao redor do consumo con vexetais manipulados xeneticamente por empresas productoras de sementes multinacionais: os chamados transxénicos.

Segundo sinala Duro, "os datos de cultivos con transxénicos están moi agachados por parte da Administración, por medo a represalias que poderían xurdir". En Galicia, está recoñecida a existencia dun campo de experimentación con diversas variedades de millo transxénico que a empresa Pioneer está a manter no concello coruñés de Mesía. Pero Duro afirma que "existen outros moitos cultivos con este tipo de vexetais espallados ao longo de Galicia, pero existe moito segredo arredor da súa localización exacta". Xa que, á marxe dos efectos secundarios recoñecidos sobre a saúde do ser humano, existen outros moitos que afectan ao agro ao mesmo nivel de gravidade. "Estamos ante o risco dunha hibridación entre as variedades vexetais transxénicas e as autóctonas, o que suporía a creación dunha supervariedade de mala herba imposible de eliminar, dada a súa resistencia", conclúe Duro.

O panorama do agro galego semella que está nunha situación incerta. Os novos avances en enxeñería xenética, os cambios na ordenación do territorio e o auxe dunha nova conciencia social que busca o equilibrio coa natureza como medio para lograr o benestar como persoas, son factores que se deben ter en conta á hora de elaborar as novas políticas agrarias. Ademais, cómpre non perder de vista o medio europeo no que nos movemos, coas súas relacións e problemáticas propias, nas que Galicia é unha peza máis, con todas as súas vantaxes, e por suposto, inconvenientes. As alternativas xa están riba da mesa.

Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás
Comparte en Tuenti Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS