Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 26.06.2019 Actualizado 21:09
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Sociedade

Novos Españois 2010

Os mozos pasan dos políticos e cren que vivirán peor cós seus pais

Tecnolóxicos, pouco ecoloxistas, de centro-esquerda, escépticos sobre a integracion social e desconfiados das institucións, velaí a radiografía da xuventude. Política e relixión, o que menos valoran

CARLOS MÍNGUEZ EFE   | 25.11.2010 
A- A+

RAMÓN ESCUREDO
Dous mozos entreténdose cun aparello tecnolóxico mentres agardan por un concerto
FOTO: RAMÓN ESCUREDO

Case a metade dos mozos españois de entre 15 e 24 anos, o 46,3%, ve o seu futuro con pesimismo, á marxe de que se supere ou non a crise económica, maioritariamente pasan da política e no 71,4% dos casos teñen unha imaxe deplorable dos políticos.

Estas son algunhas das conclusións dun estudo sociolóxico sobre a mocidade española realizado por encargo da Fundación SM e presentado onte en Madrid, do que se desprende, segundo os seus autores, que estamos ante unha xeración, quizais a primeira, que pensa que vai vivir peor cós seus pais.

Tecnolóxicos, menos preocupados polo medio natural cós seus proxenitores, ideoloxicamente máis de centro-esquerda (52,8%) que de dereita ou centro-dereita (23,1%), bastante escépticos con respecto á integración social, apenas confían nas institucións -as ONG son as máis valoradas- e máis da metade confesa que o de axudar na casa non vai con eles.

Nunha lista de dezaseis institucións, encabezada precisamente pola ONG, a Coroa ocupa o décimo terceiro posto -o 39,7% ten moita ou bastante confianza nela-, por detrás da policía, a xustiza, a prensa ou, mesmo, as Forzas Armadas, pero por diante de sindicatos, empresas e Igrexa.

Valoran, por esta orde, a familia, a saúde, os amigos, gañar diñeiro, o tempo libre e o traballo, e no último posto da lista, por detrás da política, a relixión, un asunto privado que debe vivirse privadamente, pensa o 50% de mozos e mozas.

O paro é para o 45% a principal ameaza de futuro, seguido pola droga (33%), a vivenda (28,7%), a inseguridade cidadá (23,6%) e o terrorismo (20%).

Desde o informe anterior, de 2005, diminuíu a súa conciencia ecolóxica, aínda que agora son máis -o 52% fronte ó 38%- os que consideran que a ciencia e a tecnoloxía evitarán que a terra se converta nun planeta inhabitable.

O 81,9% ten claro que "en ningún caso" está xustificada a violencia de xénero, o 60,4% rexeita tallantemente a pena de morte e o 29,3% móstrase absolutamente en contra do aborto.

Aínda que un de cada cinco non ten decidido o tipo de unión coa súa parella polo que optará, un 55,4% elixe o matrimonio, civil ou relixioso. O estudo pon de manifesto, ademais, que a decisión de ter fillos é cada vez máis planificada. Ó 38,9% gustaríalle ter dous, pero o 32,7% ou non sabe ou non contesta.

Os mozos valoran a fidelidade na parella, son cada vez máis tolerantes cos homosexuais e cren maioritariamente que "todas as formas familiares son válidas se con iso se consegue a felicidade".

Católicos confesos no 53,5% dos casos, o estudo conclúe que a relixión non ten "unha grande influencia" nas súas vidas. O 62% non entra nunca ou practicamente nunca nunha igrexa e só o 7% cumpre co precepto dominical de ir a misa. Con todo, o 64% opina que a Igrexa católica se mete demasiado en política e sobre a postura da xerarquía eclesiástica no que respecta á vida sexual das persoas, non teñen dúbidas: o 75% asegura que é anticuada.

En cuestións de lecer e tempo libre, escoitan música, ven televisión e saen cos amigos, non menos que antes de que estourase a crise económica, e son un 66,6% os que practican deporte.

O 35,8% non le nunca, o 34,6% faino entre unha ou dúas horas á semana e só un 25% tres ou máis. A porcentaxe dos que saen todas ou case todas as fins de semana é agora menor que en 2005, un 41,4% fronte a un 50,1%. O 98% usa teléfono móbil e entre os menores de 20 anos está máis estendido o uso de redes sociais que entre os máis maiores.

Menos conciencia ecolóxica

Desde o informe anterior, de 2005, diminuíu a súa conciencia ecolóxica, aínda que agora son máis -o 52% fronte ó 38%- os que consideran que a ciencia e a tecnoloxía evitarán que a terra se converta nun planeta inhabitable. "A conciencia ambiental dos mozos diminuíu" e que un 42 por cento "considera que o equilibrio da natureza é o bastante forte como para resistir os impactos ambientais", fronte a un 25 por cento que opinaba isto en 2005.

Polo tanto, segundo engadiu, "o perfil do mozo concienciado e comprometido co desenvolvemento sostible está claramente desfigurado, especialmente no que a comportamentos se refire". Neste sentido, segundo se desprende do informe, un 69 por cento cre que "hai que apagar as luces e os aparellos eléctricos cando non son necesarios"; un 61 por cento opina que "hai que limitar o consumo de auga corrente" e un 55 defende "a necesidade de separar residuos e usar os colectores apropiados".

Mellora a relación cos pais

Esta xeración "planificada, dese- xada e criamos que satisfeita", en palabras dos sociólogos que a estudaron, lévase "considerablemente mellor" cos seus pais ca outras anteriores. E é así porque o modelo democrático de familia está máis estendido, o autoritario estancouse e o permisivo retrocedeu "levemente".

Pero cando discuten, fano, sobre todo, por non arrimar o ombreiro nos traballos da casa, -"as mozas están máis implicadas nas tarefas do fogar ca eles"-, por diñeiro, por querer levantarse "cando apetece", polos estudos e pola hora de chegada cando saen de noite.

Con todo, cren que a idade ideal para emanciparse é "en torno" ós 27 anos. Os motivos para abandonar o niño serían"conseguir traballo (52,9%), terminar os estudos (38,2%) e conseguir unha vivenda apropiada (36,5%).

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS