Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 14.12.2018 Actualizado 20:51
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Sociedade

cial

Nanina Santos: "Ás feministas víannos como tolas ou amargadas"

A histórica do movemento en Galiza, asegura que "aínda hoxe non se tolera ben unha muller que reivindica os seus dereitos" e lembra que "os logros actuais non os temos, como di De Cospedal, grazas a Deus" ·· A Fundación Galiza Sempre inaugura en Compostela a exposición "Feminismo galego"

MARGA TOJO . SANTIAGO   | 21.10.2009 
A- A+

Santos, dta., Soco García, Encarna Otero e Xabier Macías, presentan a exposición

"Para que a vou enganar, tratábannos como loucas", responde cun sorriso na boca Nanina Santos, histórica do movemento feminista en Galiza, "e a alternativa a tola era a de amargada". Unha actitude que "algo" cambiou, se ben moi lentamente na comunidade "polo peso da Igrexa católica e a impronta desa moral nunha sociedade moi conservadora" que, curiosamente, deu lugar a figuras tan destacadas no primeiro feminismo internacional como Emilia Pardo Bazán, Concepción Arenal ou Rosalía. "Era xa a imaxe que nós recibiramos das sufraxistas, aquelas tolas con paraugas que necesitaban un revolcón, esa era a idea", asegura, "e en parte segue sen se tolerar demasiado ben a unha muller que loita polos seus dereitos e que non responde a unha imaxe convencional".

A historiadora e musicóloga Nanina Santos achegou parte do material recollido estes anos como activista para a exposición "Feminismo galego. Cambios sociais e dereitos das mulleres", producida pola Fundación Galiza Sempre, e que onte se inaugurou no Centro sociocultural e xuvenil municipal o Ensanche, de Santiago de Compostela, coa presenza, ademais de Santos, da historiadora Encarna Otero, da concelleira de cultura nacionalista Socorro García e do director da Fundación, Xavier Macías. A documentación e guionización da mostra correu a cargo de Isabel Rodríguez Mate: "Pretendemos contribuír por medio da reprodución de textos, publicacións, noticias e documentación gráfica a impulsar na sociedade galega a reflexión sobre os avances e cambios sociais promovidos polas entidades e organizacións defensoras da igualdade de dereitos mulleres".

A iniciativa -que conta co respaldo do Ministerio de Educación e da Deputación da Coruña- organiza a información en 25 metros de paneis e diversos expositores que repasan, entre outros contidos, o avance do sufraxismo; a II República; a ditadura franquista; as agrupacións feministas galegas dos anos 70 e 80 ou estado actual da loita feminista. O guión e os traballos de investigación e documentación foron realizados pola investigadora Isabel Rodríguez Mate e recóllense fondos documentais de Nanina Santos Castroviejo, da Fundación 10 de Marzo, do Museo do Pobo Galego, e dos museos de Pontevedra e Massó.

Nanina Santos Castroviejo, María Xosé Agra, Encarna Otero e a Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega prestaron asesoramento en distintos aspectos. A exposición permanecerá en Santiago até o 31 de outubro e percorrerá até xaneiro diferentes vilas e cidades como Allariz, Tomiño, A Coruña e Vigo. Nos actos de inauguración distribuirase gratuitamente un xornal que resume os contidos da historia feminista.

A loita rematou? A resposta rotunda é non. "Como na vida mesma, esta é unha exposición inacabada", conclúe Rodríguez.

A CERNA

O exclusivismo da acción

Escribía a propia Nanina Santos que hai que romper o exclusivismo da muller no movemento se queremos a implicación dos homes na transformación feminista da sociedade e se nos interesa esa transformación. "Cando en 1975 arrinca o feminismo de segunda onda no Estado español, as mulleres que tiraban del eran maioritariamente militantes daquel vasto movemento popular a favor das liberdades. Mulleres que coñecen os sentimentos de marxinación e subalternidade, que se sentiron relegadas no interior das súas organizacións e na expresión daquel movemento cara ao exterior, onde practicamente todos eran homes. Esta é unha das razóns que se atopan na base da construción do movemento con organizacións autónomas dos partidos e os sindicatos e con moito peso na idea de que só as mulleres debiamos falar dos nosos problemas e decidir o que queremos facer e como queremos que se faga. O peso do "feminismo radical" tamén axudou notablemente a ese exclusivismo. Hoxe en día as cousas cambiaron moito. Somos capaces de ver que o exclusivismo feminista tivo algunhas vantaxes pero tivo tamén problemas non pequenos: Ao sinalar, moi xustamente, aínda que non sempre de modo matizado, ós homes como beneficiarios, deu pé a que nalgúns casos estivesen considerados como "inimigos".

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS