Hemeroteca web  |  RSS  RSS
Martes 22.05.2012  | Actualizado 12.06

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Santiagoteespera.com
Sociedade

saúde

Neno con doenza de adulto

04.05.2011  Aumenta "preocupantemente" a incidencia en rapaces de enfermidades exclusivas dos maiores, como hipertensión ou diabetes, sobre todo en Galiza, onde un de cada tres nenos é obeso

5.0/5 [1 Voto/s]

0
Comparte en Tuenti
Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

M.T. . SANTIAGO

O incremento da obesidade infantil ocasiona trastornos metabólicos severos e incorpora novas doenzas para os nenos FOTO: EFE
O incremento da obesidade infantil ocasiona trastornos metabólicos severos e incorpora novas doenzas para os nenos
FOTO: EFE

Por primeira vez na historia, os nenos sofren enfermidades restrinxidas á vida adulta. Doenzas como a hipertensión ou a diabetes mellitus, experimentan un "preocupante incremento". As causas hai que buscalas nunha alimentación saturada de graxas e no sobrepeso.

Os últimos datos facilitados pola Asociación Galega de Dietistas e Nutricionistas lanzaron o ano pasado a voz de alarma: case un de cada tres nenos galegos é obeso, en concreto un 30 por cento. A porcentaxe non só é elevada, senón que duplica a media rexistrada no ámbito estatal, que supera por pouco o 15 por cento, e sitúa a Galiza á cabeza nesa negra lista dentro do Estado. Xa entón os especialistas alertaron de que o maior número de quilogramos non se produce milagrosamente, senón que é o resultado dunha combinación letal: a comida rápida co lecer sedentario. Para remedialo, os expertos propuñan unha regra: "Máis bocadillos e menos darlle un euro ao neno para que se compre algún doce como bolería industrial". Ese tipo de compras concéntrase na escola, xa que os nenos pasan nos colexios preto de 170 días ao ano en xornadas nas que se inclúe a comida, que supón, segundo os cálculos dos nutricionistas, unha terceira parte das achegas nutricionais inxeridas durante o día.

O tecido adiposo é unha fonte importante de hormonas, citoquinas e ácidos graxos que promoven o desenvolvemento de arterosclerose, así como as súas posteriores complicacións trombóticas. Unhas substancias que tamén se asocian con certos tipos de cancro e, polo tanto, xunto coa obesidade, ambas as enfermidades constitúen as causas máis frecuentes de morte no mundo occidental. Para atallar o proceso creáronse os programsa "Obesidade e Risco Cardiovascular", coordinado desde Barcelona pola doutora Lina Badimón e "Obesidade e Cancro", liderado desde Santiago de Compostela polo director científico do Centro de Investigación Biomédica en Rede-Fisiopatoloxía da Obesidade e a Nutrición (CIBERobn), Felipe Casanueva, que pretenden unha nova perspectiva de actuación á materia.

Na idade infantil, as enfermidades do adulto poden alterar a estrutura e funcións de órganos vitais como o corazón, os riles, as arterias periféricas e o sistema nervioso central principalmente. De feito, os nenos con sobrepeso e obesos requiren unha maior atención médica que os que teñen un peso adecuado e mostran unha redución da súa talla adulta debido á aceleración ósea que presentan. Ademais, dado que o inicio da pubertade está xeralmente adiantado, tamén pode verse afectado o desenvolvemento sexual.

Esta problemática é a que estudará o catedrático do Hospital Infantil Universitario Niño Jesús, Jesús Argente, no seu programa "Obesidade e Infancia", un dos oito programas transversais que activou o CIBERobn, con fortes imbricacións na USC, nos que se aglutinarán as múltiples liñas de estudo que até agora marcaban a súa actividade.

O programa "Nutrición", coordinado polo doutor Ramón Estruch, do Hospital Clinic de Barcelona, ten como obxectivo obter evidencias en humanos do papel da nutrición no desenvolvemento e prevención de enfermidades crónicas, a través dunha alimentación sa, ademais de demostrar as propiedades saudábeis da Dieta Mediterránea.

Por outra banda, o "desproporcionado" culto ao corpo e á imaxe provoca a proliferación de trastornos da conduta alimentaria e o seu estudo, combinado con aspectos propios da bioloxía, as neurociencias e a psicoloxía, coordinarao o doutor Fernando Fernández-Aranda no seu programa "Neurocognición e Factores Ambientais".

Ademais, a necesidade do corpo humano por almacenar graxas de forma temporal como reserva para períodos de escaseza fronte á característica das sociedades occidentais pola sobreabundancia, fan que dito almacenamento se volva permanente e a súa degradación provoque todo tipo de células daniñas. Por esta razón, a análise do funcionamento e os mecanismos de regulación do compartimento graso estudarase no programa "Abipobioloxía", desde a Clínica Universitaria de Navarra, de mans da doutora Gema Frhbeck.

Para rematar, o programa "Modelos Biolóxicos e Dianas Terapéuticas", do doutor Francecs Villarroya, da Universidade Autónoma de Barcelona, implementará estudos miltidisciplinares que analizarán as alteracións dos mecanismos de autorregulación enerxética; mentres que o programa "Biomarcadores-Terapia Non nutricional", coor- dinado polo profesor Andreu Palou, da Universidade das Illas Baleares, tratará de pescudar que biomarcadores se dan en animais que se sabe están protexidos contra a obesidade para extrapolalos á alimentación humana. .

Dieta atlántica, a solución na comunidade

O modelo de consumo alimentario dos nenos en Galiza desvíase cada vez máis cara a modelos de inxesta de produtos manufacturados como o estadounidense. O patrón de Dieta Atlántica debe establecerse tendo en conta os alimentos, cuxo consumo constituíu tradicionalmente a achega maioritaria de enerxía, nutrientes e compoñentes de interese nutricional. Do mesmo xeito que se postulou para o recoñecido modelo de Dieta Mediterránea, debe basearse principalmente no modelo gastronómico dos anos 50-60 do século XX nas comunidadesde dieta atlántica (no Estado español Galiza, Asturias, cantabria e País Vasco), xa que nos anos posteriores, os cambios nos hábitos de consumo das sociedades neoliberalistas puideron modificar en parte a dieta orixinaria, sen esquecer que a súa penetración foi considerabelmente menor, ou máis tardía, no ámbito do Arco Atlántico. A dieta atlántica é parte do noso patrimonio cultural e identitario; non é só un tipo de alimentación, senón un estilo de vida, onde existe a actividade física e onde prima a parte pracenteira e social do acto gastronómico, que favorece o noso hábitat e o noso medio e que conforman a nosa ideosincrasia. Como se non, ían existir cerca de trescentas festas vinculadas a alimentos? O Arco Atlántico Europeo constitúe unha gran despensa de alimentos, non só pola súa variedade, senón tamén pola calidade de compoñentes nutritivos e non nutritivos. Comer no Arco Atlántico Europeo é símbolo de saúde e de pracer: asócianse un gozo da comida e bebida, xunto cun mellor mantemento dos hábitos alimentarios tradicionais alleos ao modelo occidental. O paradigma desta tendencia é Estados Unidos e caracterízase polo consumo abundante de alimentos manufacturados de baixa calidade nutricional e ricos e calorías. Este estilo dietético coincide co aumento crecente da prevalencia da obesidade, doenzas cardiovasculares, diabete de tipo dous, doenzas neurodexenerativas, osteoporose e certos tipos de cancro.

Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás
Comparte en Tuenti Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS