Mércores 08.09.2010
| Actualizado 17.09
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Elena Valenciano, secretaria de Relacións internacionais do goberno central FOTO: Ángel Díaz/EFE |
"Podemos seguir ollando cara a outro lado, pero as estatísticas indican que os nosos fillos de dezaseis anos son sexualmente activos, e que unha porcentaxe dos de catorce e de quince tamén". A esta realidade alude a deputada socialista, secretaria de Relacións Internacionais e Cooperación, e presidenta da Fundación Mujeres, Elena Valenciano, cando lle preguntamos polo debate inmediato que suscitou o seu artigo "Nenas, o aborto "non" é un asasinato", publicado onte no diario El País. "Non hai que ser hipócritas -engade- pois a idade de consentimento sexual en España está nos trece anos; pero hai sempre quen prefire ignorar a realidade dos adolescentes".
Parte desa realidade indica que a porcentaxe de mozos menores de dezaoito anos que abortan non alcanza o 5% do total, e que a inmensa maioría vai acompañada dos seus pais. En 2007 interromperon o seu embarazo 14.807 mulleres de entre quince e dezanove anos. As menores de quince que acudiron a unha interrupción voluntaria do embarazo foron 500. "O reducido sector de mozas" que non llelo comunicaron aos pais recorreron á clandestinidade.
"Hai tamén quen non llelo di aos pais para non facer dano"
A medida incluída na futura lei en virtude da cal as rapazas de dezaseis non precisarán o consentimento paterno está pensada en especial para esas mozas máis vulnerábeis, explica Valenciano, "pois desgraciadamente non sempre se pode atopar o apoio e agarimo da familia, porque aínda existen no estado lacras como o machismo, grupos relixiosos que non teñen por que coincidir co dunha filla de dezaseis anos e, ademais, mulleres desa idade que non queren ferir os pais, que non lle queren dar un desgusto ou causar un trauma".
Valenciano é unha das deputadas máis críticas coas campañas dos antiabortistas. Axitar eslógans como "A barriga é unha zona libre de pena de morte" ou "Mamá, non me mates", son para ela "un atentado contra a dignidade das mulleres, aínda que sexan menores, ademais dunha crueldade cara ás persoas que pasaron ese duro proceso". Sobre a manifestación do 17 de outubro en Madrid escribiu no seu blog: "Escoito que organizacións pro vida, a Igrexa católica e o PP con Aznar e Aguirre á cabeza, se manifestan, mañá, en Madrid? Mañá, é tamén o día que as Nacións Unidas sinalan como Día contra a Pobreza. E, con todo, a manifestación éo contra a lei de interrupción voluntaria do embarazo. Esa contra a que protestan cando goberna a esquerda e non modifican nin lles molesta cando gobernan eles. A definición máis clara dunha hipocrisía cruel". Así mesmo, non dubida en afirmar que os antiabortistas "fan o ridículo cando propoñen actos como a de incluír lazos nas procesións de semana santa, porque non o seguiu ninguén" e considera que estes sectores "pretenden vivir nun mundo sen sexo e iso, como vostede comprenderá, é imposíbel, cando non indesexábel".
En canto á educación sexual, a socialista recoñece que é unha das materias pendentes "desde hai demasiado tempo". "É por iso que esta nova norma é moito máis global e non se cinxe ao mero proceso de interrupción do embarazo, nós presentamos unha grande estratexia de saúde sexual e reprodutiva e, en calquera caso, forma parte das competencias dos gobernos autonómicos".
E que papel xogan os pais? Haberá campañas especialmente destinadas a eles? "Os proxenitores facemos o que podemos, pero non deberiamos ser tan condescendentes con nós mesmos", apunta, "segue a haber un grave problema de conversación cos fillos en torno á sexualidade e, se incumpres isto na túa casa, logo non podes escandalizarte do que lles acontece aos teus fillos".
As razóns para modificar a lexislación
"En España simplifícase moito o debate, non é verdade que haxa leis de prazos e leis de supostos, todas as leis teñen prazos e supostos -declaraba Valenciano no inicio do debate sobre a lei- O que pasa coa norma española é que o terceiro suposto non inclúe prazos e é polo que abortan o 97% das muller. É dicir, en España se te acolles ao terceiro suposto é legal abortar embarazada de seis, sete ou oito meses".
O membro da executiva do PSOE afirma que con esta escusa "lanzan unha campaña contra os abortos de sete meses" e contra as clínicas de abortos: "Á parte de prácticas delituosas dalgunha clínica, que seguro que as hai, desde logo non na maioría das clínicas que é o que parecen dicir". "Algunhas clínicas, algúns profesionais presuntamente cometeron un delito, pero desde logo cumprir a lei en España significa que se pode abortar estando embarazada de sete meses, porque o terceiro suposto de saúde física ou psíquica non inclúe prazos e por ese suposto abortan o 97% das mulleres, logo é para pensar, tanto desde a dereita como desde a esquerda, que conviría revisar iso".
Os que máis usan o preservativo
"As campañas de uso do preservativo funcionaron ben en España", asegura Valenciano. De feito, o 60% dos mozos de entre quince e dezanove anos emprégano, e esta supón a porcentaxe máis elevada de toda Europa. Non obstante, hai un 30% que fica desprotexido e en risco.
Un 15% está en risco de gravidez
Un 15% das mozas están en risco dun embarazo non desexado, segundo a enquisa Bayer. Ademais, un 30% dos mozos recoñecen exporse a algún risco nas relacións sexuais, que inclúen enfermidades venéreas. "Temos que seguir traballando moito contra isto, porque a estatística é precaria a escala internacional", admite.
O imprevisto da relación, a causa
A maioría dos mozos que non empregou ningún método contraceptivo e, polo tanto, someteuse a relacións sexuais de risco, fíxoo polo imprevisto da relación (o 63,9% das mulleres e o 54, 9% dos homes. A seguinte razón máis frecuente foi a euforia ocasionada por alcol ou drogas (o 18% delas e o 27% deles).
A rede, nova fonte de información
No último lustro houbo un marcado cambio nas fontes de información utilizadas. Retrocedeu a información sobre sexualidade e métodos anticonceptivos recibida a través de profesionais sanitarios, centros educativos ou medios de comunicación convencionais, mentres se incrementou o uso de Internet.