Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 22.09.2017 Actualizado 19:52
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Sociedade

:: TRATAMENTO

A "pílula dos 4 minutos", definitiva?

O "Priligy" contra a exaculación precoz "pode axudar nun momento determinado", como os antidepresivos, "pero ó pasar o seu efecto, o problema segue aí", advirte a sexóloga Conchi Landeira. O fármaco "non ten en conta a parte emocional", indica

LAURA CAMINO  | 12.07.2009 
A- A+

Chegou para revolucionar o tratamento contra a exaculación precoz, ou polo menos así se presentou o Priligy, o primeiro e único fármaco en España para controlar, no home, a duración do coito. Case como milagreiro, -en Europa coñécese como "a pílula dos catro minutos", polo seu suposto potencial para multiplicar por catro o tempo que tarda un home en exacular- promete ser a solución para ese 30 por cento de poboación masculina que, nalgún momento da súa vida, sofre este tan frustrante problema sexual.

Pero cómpre ser precavidos. "Pode ser unha solución no momento da relación sexual", pero unha vez que pasan os seus efectos "o problema segue aí, e hai que tratalo", advirte a psicóloga sexóloga da clínica Artem Amandi de Bertamiráns (Ames), Conchi Landeira.

Introducir este novo medicamento no mercado -España é o sexto país da Unión Europea en facelo- "é bo, porque calquera recurso para complementar a abordaxe paréceme ben", explica a especialista. Pero "como sexóloga -engade- pensar que unha pílula pode solucionar o problema é algo diferente".

"Como complemento está ben, pero ten en conta que este fármaco é da liña dos antidepresivos". Así, "mentres se está tomando pode dar bo resultado para determinados casos ou situacións, pero ó deixalo de tomar, o problema está aí", advirte a sexóloga. Por iso incide en utilizalo como complemento da terapia sexolóxica, que acostuma ter, no caso da exaculación precoz, un "éxito terapéutico do 95% por cento".

O caso é que a pílula, cuxo composto xenérico é a dapoxetina, non soluciona o problema de fondo, "non ten en conta a situación emocional" de quen a padece. "Non vai detectar se se produce, por exemplo, por ter unha nova parella que lle impón moito sexualmente". Ademais, o propio concepto de exaculación precoz, por ser relativo -"ás veces é a parella a que ten dificultades ou precisa moito tempo" para chegar ao orgasmo-, "a pílula non o mide coma nós. En Europa xa se coñece como a dos catro minutos, pero o máis importante, o que tento a través da terapia, é que o home deixe de mirar o reloxo, que non se mida en minutos". E, sobre todo, que "deixe de pensar que o coito é o máis importante", pois é só unha parte do xogo sexual, conclúe.

AS CLAVES

Poden chegar a rexeitar o sexo

"A exaculación prematura é o trastorno sexual máis común entre os homes, que poden ver afectada a súa autoestima, acostuman ter un sentimento de vergoña e poden sentir frustración, chegando ata a evitar manter relacións sexuais", explicou esta semana, durante a presentación do fármaco, a doutora Ana Puigvert, presidenta da Asociación Española de Androloxía e Medicina Sexual. Calcúlase que a exaculación precoz afecta a tres de cada dez homes nalgún momento das súas vidas e pode presentarse na primeira relación sexual ou ben desenvolverse o problema posteriormente.

Prezo: 35,50 euros os 90 miligramos

"Priligy" comercialízase en formato de 30 e 60 miligramos. A dose inicial recomendada é de 30 mg, que pode ser incrementada a 60 polo médico especialista segundo a resposta do paciente ao tratamento. Debe administrarse cun vaso cheo de auga como mínimo -nunca con bebidas alcólicas- con ou sen alimentos. O seu prezo no mercado español é de 35,50 euros os tres comprimidos da dose de 30 miligramos. Require prescrición médica e non estará financiado polo Sistema Nacional de Saúde.

Tempo, control, angustia e estrés

A exaculación precoz é un trastorno sexual recoñecido pola Organización Mundial da Saúde (OMS) e pola Sociedade Internacional de Medicina Sexual (ISSM). Segundo os expertos, ten a súa orixe en múltiples factores, tanto psicolóxicos como fisiolóxicos e pode aparecer a calquera idade. Segundo a ISSM, para que un home sufra exaculación precoz, deben darse tres factores: control, por non ser capaz de controlar a exaculación; tempo, por tardar o home pouco tempo en exacular; e angustia e estrés. O diagnóstico non sempre é doado pois ós homes que padecen exaculación precoz cústalles moito falalo co seu médico.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS