Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 20.09.2019 Actualizado 20:16
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Sociedade

congreso

Reeducación a seis mil homes maltratadores

O Goberno aclara que "nin se fixo, nin se fai nin se vai facer terapia con mulleres agredidas"

E.P. . MADRID   | 25.05.2011 
A- A+

SERGIO BARRENECHEA
Miguel Lorente e Carmen Calvo, presidenta da Comisión de Igualdade
FOTO: SERGIO BARRENECHEA

O delegado do Goberno contra a Violencia de Xénero, Miguel Lorente, afirmou que uns 6.000 homes condenados por violencia de xénero pasaron o ano pasado por un curso de reeducación de maltratadores e ata un milleiro entraron nun programa piloto, pero "en ningún caso" participaron vítimas de malos tratos na formación.

Lorente contestou así ante a Comisión de Igualdade do Congreso dos Deputados, onde compareceu a petición do Grupo Popular para informar, entre outros asuntos, sobre este tipo de cursos que, segundo dixo, nunca existiron.

"En ningún caso o Goberno contemplou nunca desenvolver programas de reeducación con vítimas de violencia de xénero", asegurou, para explicar que se trata dunha "confusión" porque "nin se fixo, nin se fai nin se vai facer terapia con mulleres agredidas" para os agresores.

En total, máis de 6.000 condenados a penas que non levaron prisión fixeron estes cursos en 2010. Ademais, 583 sometéronse a programas piloto en 2009 e outros 552, en 2010, segundo sinalou, para aclarar que este tipo de medidas seguen en curso este ano, cando se rexistrarán cifras similares, concretou ante as preguntas sobre este asunto da voceira de CiU, Merce Pigem e do BNG, Olaia Fernández Dávila.

Lorente indicou que aínda non se avaliaron estes cursos, pero avanzou que os beneficiarios presentan un grao de adhesión "bastante alto. Os datos indícannos que si hai modificación de actitudes pero aínda non hai avaliación nin seguimento da reincidencia", engadiu, tras sinalar que "están sendo útiles".

En resposta, a voceira popular na citada Comisión, Susana Camarero, celebrou que se tratase "dunha confusión e non chegasen a celebrarse" este tipo de cursos con vítimas. O seu Grupo Parlamentario pedira ademais explicacións sobre o incremento en 2010 do número de vítimas mortais e o cumprimento das recomendacións do informe elaborado polo Parlamento sobre a Lei de medidas de protección integral contra a violencia de xénero.

 

Tres millóns de persoas xustifica a violencia

Sobre o primeiro asunto, Lorente repasou a existencia de "elementos estruturais" como que un 6% da poboación, uns 3 millóns de persoas, crea "moi ou bastante" xustificado que un home agrida a súa parella cando ela o deixa. Ademais, dixo que o debate público sobre denuncias falsas do ano pasado tivo que ver nunha diminución tanto da percepción de risco obxectivo, caeron as ordes de protección ditadas, como da percepción subxectiva, menos solicitudes de protección.

Ademais, referiuse ó estudo sobre concentración de crimes para explicar que "existe un efecto imitación ou paso á acción" polo que o risco de que se produza un asasinato aumenta un 67 por cento ao día seguinte dun homicidio machista, o que incide na cuarta parte das mortes, polo que o seu departamento vén pedindo responsabilidade ós medios á hora de informar.

Respecto do informe da subcomisión, presentou un balance no que cunha puntuación de 1 a 5 o grao de desenvolvemento das medidas recomendadas tanto en materia de educación e sensibilización como en resposta institucional, tutela xudicial e forzas e corpos de seguridade, sería de 4,05 puntos.

Lorente pediu "prudencia" ó Grupo Popular "porque a realidade non vai cambiar por un goberno".

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS