Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 23.07.2019 Actualizado 20:44
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Sociedade

25-N, DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO ·· aberracións do sistema patriarcal

A sexualidade rota

O 80% das maltratadas foron golpeadas no embarazo e o 69% violadas ·· Os asasinatos son a cara máis visíbel do problema, a violencia sexual o maior tabú

MARGA TOJO . SANTIAGO   | 25.11.2010 
A- A+

ABIR ABDULLAH

FOTO: ABIR ABDULLAH

Máis da metade das mulleres que foron maltratadas pola súa parella sofre "importantes problemas de saúde vencellados ás agresións". Non é sorprendente, a gran maioría, case oito de cada dez, sufriu violencia durante o embarazo, o 69% foron obrigadas a realizar actos sexuais baixo ameaza e ao 50% forzáronas a manter relacións sen protección. Os datos aparecen nun informe publicado pola Federación de Mulleres Progresistas con motivo do Día Internacional contra a violencia de xénero que se celebra hoxe. Nel reflíctese, ademais, que a totalidade das mulleres entrevistadas que declararon ter polo menos un aborto espontáneo estaba a recibir malleiras da súa parella durante a xestación.

O informe "A saúde sexual das mulleres vítimas da violencia de xénero" lembra que os asasinatos son "a cara máis visíbel" da violencia machista, pero "tamén un importante número de mulleres sofre violencia psicolóxica e violencia sexual, unha forma habitual de malos tratos". Segundo a presidenta da Federación de Mulleres Progresistas, Yolanda Besteiro, a violencia sexual é "invisíbel", polo "tabú que rodea todo o que ten que ver coa sexualidade" e coa "dificultade" das mulleres para "identificar como violencia de xénero comportamentos que serven para forzalas a realizar actos non desexados". Neste sentido, o informe destaca que "moitas das mulleres non identificaran que sufrían violencia sexual até que non se lles fixo o cuestionario previo á elaboración do informe".

A investigación -embrión dun estudo máis amplo que se publicará máis adiante- realizouse con 35 mulleres que recibían terapia nun centro de acollida durante 2009.O principal instrumento do que se vale o agresor son as "coaccións", xa que, aínda que algunhas mulleres sinalan "a forza" como causa, outras falaron de "non cumprir coa función matrimonial" ou "irse con outras" no caso de que non accedan a esas relacións.

 

Reflexións arredor da lexislación

Das 64 mulleres asasinadas polas súas parellas ou ex parellas durante o 2010 -dúas galegas-, só catorce denunciaran. Despois de séculos ao albur, desde decembro do 2004 as cidadás do Estado español contan cun aparato lexislativo que as ampara. Os expertos aseguran que a resposta xudicial mellora, pero que nos últimos tres anos e medio se incrementou un 46,4 por cento o número de casos en que a muller que denuncia malos tratos decide botarse atrás. Onde está o fallo, é a lei ineficaz?

Segundo o parecer da secretaria xeral de Igualdade da Xunta, Marta González, a crise económica está a dificultar a denuncia. As galegas solicitaron este ano un menor número de ordes de afastamento e medidas de protección que en anos anteriores, un total de 1.087- a maioría na Coruña (454) e Pontevedra (356)-. "Aínda que podería parecer positivo, non o é, e resulta máis sinxelo pensar que se debe á situación de dificultades económicas que está impedindo ou afectando as mulleres na súa vontade de denunciar", mantén.

Discrepa a directora do Instituto da Muller, Laura Seara Sobrado sobre que esta caída se deba á crise económica e sostén que "houbo unha onda minoritaria, pero ruidosa" que cuestionou "non só a lei, senón as políticas públicas e que fixo dano, un dano do que probabelmente non foron conscientes". "Escaso favor fan algúns responsábeis do ámbito xudicial cando cuestionan unha lei que foi de gran consenso. Non foi fácil alcanzar unanimidade por parte do Goberno". Neste sentido, alude ao repuntamento do número de mulleres mortas por violencia de xénero en 2010: "Non se pode medir o éxito dunha lei en función do número de mortas, xa que é o dato que máis nos doe".

En declaracións ás axencias de prensa, o delegado do Goberno contra a Violencia de Xénero, Miguel Lorente, considera que "se non houbese Lei e se seguise actuando parcialmente" poderíase estar falando de "máis de cen mulleres asasinadas cada ano".

Para a experta en violencia machista e colaboradora do Centro Reina Sofía para o Estudo da Violencia María Jesús Hernández "non se pode dicir que a Lei de Violencia contra a Muller e o labor das persoas que traballan neste ámbito sexa un fracaso, que non funcione. É necesario esperar un pouco máis e seguir a loitar, porque os malos tratos son unha secuela que existe desde tempos inmemoriais e non podemos pretender erradicalos totalmente en cuestión de cincuenta anos".

Proporcións pandémicas

Non hai lugar no mundo no que non se exerza violencia contra as mulleres. A violencia contra as mulleres é un problema sistémico con proporcións pandémicas. Segundo os datos da ONU, unha de cada tres donas no planeta foi obxecto de agresións físicas, viuse forzada a manter relacións sexuais ou foi vítima doutros malos tratos na súa vida. En calquera das súas formas, en calquera punto do globo terráqueo, constitúe a forma máis perversa do androcentrismo imperante. Na imaxe, sobreviventes bengalís dun ataque con ácido amosábanse onte aos reporteiros gráficos para deixar constancia. Os ataques con ácido son moi comúns en Cambodia, Afganistán, India, Bangladesh, Paquistán e noutros países próximos. Calcúlase que o 80 por cento das vítimas destas agresións son mulleres e case o 40 por cento teñen menos de 18 anos.

DATOS

Reclaman crear xulgados en Ourense, Lugo e Pontevedra para separar a vítima do agresor

A CIG reclamámalles ao Ministerio de Xustiza, ao Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ) e á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza "retomar" o proxecto de creación de xulgados de violencia de xénero por comarcas. O responsábel do sector de Xustiza da CIG, Xosé Barreiro, lamenta que a iniciativa, iniciada en 2007 polo anterior ministro do ramo -Mariano Bermejo- "quedara en nada" e demanda a apertura de unidades xudiciais específicas nas tres capitais de provincia de Galiza que aínda carecen delas: Ourense, Lugo e Pontevedra. O obxectivo, segundo dixo, non é só contar con maxistrados "especializados" neste tipo de casos, senón adaptar as instalacións de forma que existan habitáculos "independentes" para que non haxa cruzamentos entre vítimas e agresores. Esta separación pretende evitar os "problemas" que se xeran cando hai persoas que retiran as denuncias "pola presión" que exerce o imputado.

Na comunidade xa funcionan xulgados especializados en cuestións de violencia machista na Coruña e en Vigo. No primeiro trimestre de 2010 foron unhas 400 as denuncias atendidas pola unidade coruñesa e unhas 300 as rexistradas na cidade olívica. A súa tramitación realízase por procedemento abreviado e dura entre 5 e 7 anos. "Só hai que imaxinar como é se non é abreviado", apunta Barreiro.

PROTOCOLO DO MINISTERIO

Para galegas no estranxeiro

O Ministerio de Sanidade, Política Social e Igualdade traballa na elaboración dun protocolo de atención ás vítimas de violencia de xénero con nacionalidade española que residen no estranxeiro e que será aplicado desde as oficinas consulares. Está previsto que se poña en marcha a partir do primeiro trimestre de 2011. Deste xeito estenderase o sistema de atención a aquelas mulleres que sofren malos tratos por parte das súas parellas e que viven noutros países.

 

PROPOSTA

Nas parellas homosexuais?

A confederación LGTB Colegas avogou onte pola incorporación das parellas gays como suxeitos de protección da Lei contra a violencia de xénero. Unha demanda sen consenso.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS