Hemeroteca web  |  RSS  RSS
Martes 22.05.2012  | Actualizado 12.06

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Santiagoteespera.com
Sociedade

25-n, contra a pandemia mundial

Os sindicatos denuncian a baixa do 79% en políticas de igualdade

23.11.2010  A CIG asegura que "amparándose na crise" o Goberno da Xunta utiliza os recortes presupostarios para desmantelar os servizos ·· Minguan as partidas destinadas ós programas de protección, a conciliación da vida persoal e laboral e de apoio ás donas vítimas de violencia

0.0/5 [0 Voto/s]

0
Comparte en Tuenti
Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

E.P. . SANTIAGO

A secretaria xeral de Igualdade, Marta González, con Anxo Queiruga, director de Cogami FOTO: AXENCIAS
A secretaria xeral de Igualdade, Marta González, con Anxo Queiruga, director de Cogami
FOTO: AXENCIAS

Os sindicatos galegos CCOO e UXT denunciaron a redución de ata un 79% entre 2009 e 2011 das partidas orzamentarias destinadas a políticas de igualdade. Así mesmo, CIG asegurou que dita caída nas contías supera ó 80% en 2010 e redúcese novamente" nas contas do próximo exercicio.

En concreto, as responsables das secretarías de Igualdade de UXT e CCOO, Carmen Brea e Mabel Pérez respectivamente, lamentaron esta "importante redución" nas contas da Xunta, xunto coas do Goberno central, destinadas a favorecer medidas no ámbito da igualdade de xénero. A pesar diso, matizan que "a única partida que se incrementa substancialmente" en Galicia é a relativa á atención á violencia, que pasa de 2,6 millóns (2010) a 2,9 millóns de euros no próximo ano.

Margarida Corral da CIG enumerou partidas que se ven reducidas, como o programa de accións para igualdade e protección á muller, que se sitúa en 6,7 millóns en 2011 tras contar con 32 millóns en 2009; o programa de apoio á conciliación da vida persoal e laboral, con 1 millón de euros -5 millóns en 2009-; ademais do "forte recorte" do programa de apoio a mulleres de sofren violencia de xénero, cun 17,8% menos.

Ante esta situación, o sindicato nacionalista pretende "visibilizar" o "desmantelamento das políticas de igualdade" que se atopa detrás dos recortes orzamentarios.

 

62 vítimas este ano, dúas delas galegas

As responsables de CC.OO. e UXT sinalaron que, a data de 15 de no-vembro de 2010, as vítimas mortais por violencia de xénero ascenden a 62, trece máis que o ano pasado das que dúas son vítimas galegas.

En total, o servizo de información e asesoramento xurídico en materia de violencia de xénero rexistrou 9.422 chamadas, 3.063 máis que en 2009 e un 4,5 por cento do conxunto do Estado. A maioría producíronse na Coruña (4.317) e Pontevedra (3.077). Así mesmo, o servizo telefónico de atención e protección a vítimas de violencia machista contabilizou 368 usuarias en Galicia, case un 4% do total do Estado.

Pola contra, o "só oito maltratadores" dispuñan de pulseira GPS en Galicia ata xullo de 2010 e "só existen xulgados específicos" en violencia de xénero en Vigo e A Coruña.

En contraposición, a estatística xudicial constata "109 denuncias máis" en 2009 respecto de 2008, que rexistrou un total do 6.068 denuncias presentas en Galicia.

Os recursos residenciais, así mesmo, "seguen sendo insuficientes" con 112 prazas existentes en Galicia, que deben compartir tanto as mulleres vítimas de violencia xunto cos seus fillos.

Dobremente discriminadas as mulleres con discapacidade

A secretaria xeral da Igualdade, Marta González, afirmou onte na inauguración da xornada Mulleres con discapacidade e violencia de xénero, organizada pola Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami), que as mulleres que sofren algún tipo de discapacidade "ven limitada de maior maneira cós homes a súa capacidade de acción e de desenvolvemento persoal polas trabas e prexuizos que afectan ás mulleres globalmente: trataríase dunha dobre limitación"."É preciso acabar con esa invisibilidade das mulleres con discapacidade, sexan vítimas de violencia de xénero ou non", por iso, dixo a responsable de área de Igualdade do Goberno galego, "a campaña do próximo 8 de marzo, Día Internacional da Muller, da Secretaría Xeral da Igualdade, estará destinada ás donas con discapacidades". González destacou que estudos realizados na última década poñen de manifesto como en España as mulleres con diversidade funcional viven a desigualdade de xeito máis pronunciado cós colegas varóns, e maior posibilidade de sufrir violencia de xénero".

Marta González loou a loita destas persoas ata traspasar o enfoque médico asistencialista por un enfoque de dereitos humanos que se resume no concepto de vida independente.

O Issga crea unha comisión para a equidade na prevención de riscos

O Issga acaba de constituír a Comisión para a Integración da Igualdade para asesorar sobre aspectos relacionados coa igualdade de xénero na prevención de riscos laborais. A mesa, que se puxo onte mesmo a traballar, está presidida polo subdirector xeral Técnico e de Planificación do Issga, e integrada por nove vogais, tres en representación da Consellería de Traballo e Benestar, tres pola CEG e outros tres polas organizacións sindicais CCOO, UGT e CIG. A posta en marcha desta comisión vai asegurar unha especial atención ás especificidades dos sectores laborais feminizados, tal e como quedou patente na sesión constitutiva celebrada na sede do Issga en Santiago.

A Comisión para a Integración da Igualdade é un órgano permanente técnico que asesorará para que as políticas de prevención de riscos laborais teñan en conta os aspectos relacionados coa igualdade de xénero. Impulsará actuacións preventivas específicas en sectores laborais feminizados, con medidas como a vixilancia da saúde das traballadoras autónomas, mariscadoras e agricultoras. Entre outras iniciativas, a comisión proporá medidas de protección da saúde laboral das traballadoras nos períodos de embarazo, maternidade e lactancia.

A CERNA

Xulgada por matar o home

A veciña da Coruña acusada de matar o seu marido en maio de 2009 cunha pesa no seu domicilio familiar, María Teresa Mónica S.R., atribuíu ó "medo" que lle tiña ó falecido os feitos que lle provocaron a morte e argumentou que non sabía "o que facía", con alusión ós máis de 30 golpes que presentaba o corpo, na primeira sesión do xuízo que se celebra na Audiencia Provincial coruñesa. O ministerio público solicita 14 anos de prisión por un delito de homicidio para a procesada, de 58 anos. Pola súa banda, a defensa pide a libre absolución xa que entende que existen "causas" que a eximen da responsabilidade. Entre elas, alega medo insuperable e "continuos malos tratos" cara á acusada durante os 34 anos de convivencia matrimonial. Respecto diso, argumentou, ante o xurado popular que deberá xulgar os feitos, que todos os informes psicolóxicos forenses lle recoñecen a "síndrome da muller maltratada".

Antes do inicio do xuízo, a filla explicou que acompañou a súa nai ó cuartel da Policía en Lonzas "porque non podía nin andar" e denunciou a existencia de malos tratos cara á súa nai e cara a ela por parte do seu pai, polo que optou por marchar da casa ós 18 anos.

Mátase tras ferir a muller

Un home de 35 anos morreu en Xixón ó tirarse desde a azotea dun inmoble á rúa pouco logo de ferir á súa muller, a quen intentou estrangular e cravou un coitelo que lle ocasionou feridas incisas internas, pero sen que a súa vida corra perigo. Segundo informou a Policía Nacional de Xixón hoxe, o aviso polo suceso recibiuno ás 22.10 horas de onte á noite, tras precipitarse o home ao baleiro desde a parte máis alta dun edificio na avenida Juan Carlos I da cidade. Cando os policías acudiron a atender o home foron informados de que no mesmo inmoble unha muller acababa de ser agredida polo seu marido e refuxiarase na casa duns veciños.

A vítima da agresión era unha muller de 35 anos que presentaba signos de estrangulamento e varias feridas visibles no pescozo e na cara, e que, cando chegaron os policías, atopábase consciente e manifestou ter só feridas superficiais que lle fixera o marido. Non existían denuncias previas de malos tratos nin ningunha información policial sobre desavinzas entre a parella, por iso non houbera intervencións anteriores.

A Coruña, cidade "exemplar"

O Concello da Coruña participará no proxecto europeo "Equilibrio" levado a cabo polo Instituto da Muller co que o Goberno central pretende "mellorar" a conciliación familiar e a igualdade de xénero. Así o apuntou onte a directora do Instituto da Muller, Laura Seara, que destacou a cidade herculina como "modelo a seguir" en materia de igualdade". Cofinanciado pola UE e polo Estado con 1,2 millóns participarán 10 concellos.

Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás
Comparte en Tuenti Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS