Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 20.07.2018 Actualizado 11:15
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Sociedade

taller de estimulación

Un can é un can, non un "bau-bau"

Ós bebés hai que falarlles como a adultos, utilizando as palabras correctas. Os problemas de desenvolvemento da linguaxe, cunha importante carga xenética, teñen máis incidencia en nenos que en nenas, indica a experta galega Raquel Lavandeira

LAURA CAMINO   | 23.06.2010 
A- A+

AXENCIAS
Raquel Lavandeira, directora de Intervención Logopédica de APAE
FOTO: AXENCIAS

Un can non é un "bau-bau" e para beber pídese auga, non "aba". Aos bebés cómpre falarlles de forma normalizada, como aos adultos, para un bo desenvolvemento: "É máis doado educar nunha linguaxe" de forma correcta que "reeducar sobre unha linguaxe de base" xa aprendida, e non sempre axeitada.

A mestra en Audición e Linguaxe Raquel Lavandeira defende que aos bebés non hai que abafalos para que digan as súas primeiras palabras. Pero tampouco deixar de guialos. O mellor método, apunta, é "falarlles con naturalidade, evitando pensar que non nos van comprender", dunha forma "máis lenta pero cunha linguaxe adulta, porque aprenden por exposición". Así, "se lles ensinamos de base unhas producións máis simples ou incorrectas porque pensamos que non van entender a produción correcta e complicada" a aprendizaxe irá por mal camiño. "Cando din "aba" en vez de auga, todo o mundo lles preguntan "queres aba?". Pois non. Sería máis correcto dicirlles "queres auga"?, explica.

Lavandeira, especialista en atención temperá, chama a atención sobre a estimulación da linguaxe nos nenos de cero a seis anos, unha etapa na que "a plasticidade do cerebro permite maior número de logros e máis eficaces". E máis coa importancia que a linguaxe ten como "base para a adquisición de coñecementos en toda a etapa educativa".

Precisamente, e co obxectivo de aproveitar esa plasticidade, o gabinete APAE da Coruña, do que Lavandeira é cofundadora, desenvolverá talleres de estimulación da linguaxe o día 31 de xullo, e o 7 e 21 de agosto (http://www.atenciontempranaapae.blogspot.com).

A través do taller, os especialistas preparan os nenos de cara á súa entrada no segundo ciclo de educacion infantil, cando "a esixencia crece, dáse por feito unha autonomía maior para relacionarse, o centro é moito máis grande..." e ademais, engade, "os profesionais que traballan alí non se poden parar tanto na adquisición dunha habilidade que xa debería estar adquirida".

 

Cando son bebés, a partir de que idade é normal que falen, e cando os pais deben preocuparse porque o neno non o fai?

Durante meses xa empezan a emitir os gorxeos, as sílabas. É bo estar pendente, pero só alertarse no caso de que non emitan ningunha produción. Cando si hai que fixarse é a partir dos dous anos, se os pais ven que o cativo non ten intención comunicativa ou ningunha produción comprensible para a súa familia e coñecidos. Se neses ambientes non se lle comprende nada, non é que sexa motivo de elevada preocupación, pero si de pensar que o neno precisa un programa específico que lle axude a desenvolver esa linguaxe. Pero se aos tres anos non é capaz de elaborar unha linguaxe comprensible para calquera adulto ou neno co que se relacione, nese caso si que é totalmente recomendable unha atención específica.

 

Que problemas de linguaxe se detectan máis nos nenos?

Os que máis se ven son de base fonética, os dos nenos que non pronuncian certos fonemas ou que os confunden e substitúen nas súas producións. É o máis evidente. Outros utilizan frases demasiado curtas ou simples para a súa idade, cando deberían estar xa utilizando oracións de 4 ou 5 palabras, coordinadas e subordinadas, pero aínda non as utilizan. Tamén hai nenos que non saben como pedir as cousas ou como comportarse cos demais.

 

Afecta máis a nenos ou a nenas?

Hai unha maior incidencia en nenos que no caso das cativas.

E son problemas propios do rapaz ou teñen que ver coa aprendizaxe no ámbito familiar e escolar?

As orixes son moi diversas. Pode darse por baixa estimulación na casa, si. Pero a adquisición da linguaxe ten unha importante base xenética. Se os pais empezaron a falar de forma tardía é moi común que os fillos tamén o fagan. É a causa máis común. Ademais, cada neno ten as súas propias características e aprende dunha maneira distinta, polo que ao mellor o problema é que o tipo de estimulación non era o máis axeitado para el.

Xogos básicos e "role playing"

Como traballades no taller de estimulación?

A través de catro compoñentes. O fonético e fonolóxico, o léxico-semántico, morfosintáctico e pragmático. O que se pretende é que teñan unha forma o máis correcta posible, así como que se poidan adaptar a calquera situación da vida cotía, pedir as cousas, relacionarse cos seus iguais, saber que facer nun bar, nun parque, nunha tenda...

E de que forma estimulades aos rapaces?

Con xogos nos que se traballan conceptos básicos como "arriba-abaixo", "diante-detrás", "dentro-fóra". Tamén a través do role playing, propoñéndolles situacións ficticias nas que, como nunha obra de teatro, cada un adopta un papel e tenta desenvolvelo na historia da mellor forma posible.

Ata mil palabras con só tres anos

Con só tres anos rexístrase un significativo avance: os nenos xa comprenden o significado de mil palabras, aínda que a linguaxe expresiva dos cativos poida quedar, na práctica, limitada a só oitocentas

Din antes "papá" polo doado do "P"

"Papá" é, xunto con "mamá", unha das primeiras palabras que os bebés din cando empezan a falar. Pero se din antes "papá" non é por preferencia, senón porque lles é máis doado pronunciar o fonema "P".

O PERFIL

Raquel Lavandeira é mestra especialista en Audición e Linguaxe, así como especialista en Atención Temperá, e ten un máster en Logopedia. Actualmente é directora do departamento de Atención Temprana e Atención Logopédica en APAE, Aula Especializada para o desenvolvemento integral de nenos e nenas.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS