Xoves 09.09.2010
| Actualizado 10.57
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| A gaita artesanal que viaxará coa Marcha, tocada por Pepe Ferreirós |
A Marcha Mundial pola Paz e a Non Violencia esixiulle onte ao Ministerio de Defensa a retirada "inmediata" das tropas "invasoras" de "todos os territorios ocupados", ademais de cooperar co "desarmamento nuclear", a "redución progresiva do armamento convencional", a "sinatura de tratados de non agresión entre países" e, por último, a "non utilización das guerras "como medio para resolver conflitos".
Durante un acto pacifista en Santiago, Manuel Dios, membro do Seminario Galego de Educación para a Paz e encargado da lectura do manifesto, fixo extensivo este chamamento aos gobernos de "todo o mundo" para que, dixo, "substitúan a forza pola palabra" e contribúan de forma "urxente" a "rexeitar calquera tipo de violencia". "A paz é o recoñecemento dos dereitos humanos e a guerra o maior fracaso político", apostilou. Dios animou os gobernantes a "fomentar actitudes de encontro cos demais" e a poñer en marcha "accións que desenvolvan a solidariedade entre os pobos", substituíndo a "violencia", a "forza" e a "imposición" pola "paz". Só deste xeito, expuxo, lograrase unha "solución pacífica dos conflitos".
O representante do Seminario Galego de Educación recordou que hai 35 guerras activas e morren 35.000 nenos ó día de fame no mundo, situación que cualificou de "xenocidio" e da que culpou os países do "norte". "Os gobernantes abdicaron das súas responsabilidades políticas, mentres os países do norte se enriquecen a custa de empobrecer aos do sur", sentenciou. Manuel Dios, que interveu despois da entrega da gaita galega que percorrerá o mundo con esta Marcha Mundial, culpou aos "estados" e á "ambición desmedida" das institucións financeiras da "caída" da economía internacional e responsabilizounos da actividade da industria armamentística actual, da que dixo, "dirixe a economía mundial". "Os Gobernos de Estados Unidos e da Unión Europea afirman que non hai fondos para acabar coa pobreza e a miseria, pero calcúlase que o gasto diario en armamento supera os 800 millóns", apuntou Dios, para afirmar que o mundo "continúa vivindo nunha economía de guerra".