Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 26.06.2019 Actualizado 21:09
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Sociedade

1-D, DÍA mundial CONTRA o vih

Uns 800 galegos non saben que teñen sida

Desde que no 1981 se detectou o primeiro caso no Estado español rexistráronse 3.750 en Galiza, aos que hai que lle sumar máis dun 30% de afectados que o descoñece

M. TOJO . SANTIAGO   | 28.11.2010 
A- A+

Desde que en 1981 se detectou o primeiro caso de sida no Estado español -o dun home que morreu no hospital Vall d"Hebrón de Barcelona-, a enfermidade afectoulle oficialmente a máis de 80.000 cidadáns, segundo os datos Centro Nacional de Epidemioloxía do Instituto de Saúde Carlos III, e, de feito, España converteuse nun dos estados europeos nos que a epidemia ten unha maior incidencia. Institucións, sociedades médicas e científicos advirten no entanto de que a incidencia do VIH (virus de inmunodeficiencia humana) é moito maior (cífrano nuns 130.000), xa que calculan que sobre o 30 por cento dos infectados descoñece que é portador do virus. Os datos son similares en Galiza, aínda que a comunidade se atopa algo por baixo da media estatal. En total, calcúlase que hai arredor de 4.500 galegos infectados polo virus, e que algo máis de tres de cada dez non o sabe.

Cómpre subliñar que entre o 35 e o 50% dos novos diagnósticos se realizan na comunidade de forma tardía. E todo iso a pesar de que o acceso ás probas diagnósticas é libre e gratuíto e a que na comunidade se están impulsando desde hai anos as políticas de detección precoz do VIH na atención primaria, que permite reducir a transmisión até nun 45%. Porén, hai datos positivos: Entre 2004 e 2008 rexistráronse 1.025 novos diagnósticos de infección por VIH, fronte aos 485 rexistrados de novos casos de sida, o que supón un 111% máis de rexistros de infección que de enfermidade.

No conxunto do Estado, das 5.000, 6.000 e até 7.000 notificacións da enfermidade que se rexistraban cada ano durante a década dos noventa pasouse a cifras que roldan o milleiro durante os últimos anos: 1.476 casos en 2007, 1.170 en 2008, e 247 na primeira metade do ano 2009.

A maior incidencia da sida rexistrouse nas comunidades de Madrid (18.528 casos), Cataluña (16.043) e Andalucía (11.107). As comunidades onde a incidencia foi menor foron, ademais de Ceuta (166 casos) e Melilla (86), as da Rioxa (514) e Cantabria (665).

Durante o período 1981-2009, o modo de transmisión máis frecuente rexistrouse entre os usuarios de drogas por vía parenteral (47.852), seguido da transmisión da enfermidade como consecuencia das relacións heterosexuais de risco (13.175 casos). Só Baleares, Canarias e Madrid presentan un contaxio maior a consecuencia de relacións homosexuais (475 en contactos homosexiais fronte 461 en heterosexuais; 671 fronte a 500; e 3.4040 fronte a 2.307, respectivamente).

Galiza seguiu a tendencia da maioría con 2.383 enfermos pola vía do consumo de droga inxectada, 774 mediante relacións heterosexuais e 330 homosexuais.

O DATO

Tratamento precoz

Os últimos datos do proxecto de MSF en Lesoto confirman o valor do tratamento precoz, que logrou reducir un 68% o número de mortes, un 27% os novos casos, un 63% as admisións e un 39% os abandonos .

DENUNCIA

Só 5 dos 15 millóns de persoas que necesitan tratamento "urxente" contra a sida recíbeno, segundo destacou en vésperas do Día Mundial da Sida, que se celebra o 1 de decembro próximo, a presidenta de Médicos sen Fronteiras (MSF) España, Paula Farias, para quen esta enfermidade segue sendo "unha urxencia global". Así, denuncia que o prezo dos medicamentos máis novos dispararase xusto no momento no que os doantes decidiron retirar o seu compromiso de ampliar o tratamento contra o VIH. "Como médicos que intentamos dar tratamento a persoas con VIH/sida, é coma se nos estivesen atando as mans ás costas para traballar", asevera.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS