Hemeroteca web
|
RSS
Martes 22.05.2012
| Actualizado 12.06
![]() |
| Flores en sinal de loito no solo do recinto, ocupado xa só por periodistas e policía, onte pola tarde FOTO: Efe |
O fundador do festival de música electrónica Love Parade, Rainier Schaller, anunciou onte a cancelación definitiva do evento tras a traxedia acontecida no transcurso da edición que tiña lugar en Duisburgo na que unha avalancha humana acabou coa vida de 19 persoas e deixou 342 feridos. "O Love Parade foi sempre un evento pacífico e unha festa de alegría", pero a partir de agora "sempre será verá escurecido por estas horribles escenas", indicou en comentarios recollidos polos medios alemáns. "O Love Parade terminou", sentenciou.
A traxedia ocorreu sobre as 17.00 horas, despois de que a Policía impedise a entrada de máis xente no recinto porque se atopaba ateigado. Ao parecer, varias persoas intentaron coarse por unha escaleira de urxencia en desuso que caeu ao chan e provocou unha reacción de pánico que desatou a avalancha.
A Fiscalía de Duisburgo iniciou onte inmediatamente unha investigación mentres os medios alemáns sinalan a policía e os organizadores da festa como responsables, cando aínda quedan por identificar tres das 19 vítimas mortais.
O xefe da Policía local, Detlef von Schmilling acudiu a unha roda de prensa atestada de xornalistas acompañado do alcalde de Duisburgo, Adolf Sauerland; do responsable do operativo policial, Wolfgang Rabe, e do principal organizador do festival de música electrónica Love Parade, Reiner Schalle.
Varios medios, entre eles a ZDF, a segunda cadea da televisión pública alemá, aseguran que xa horas antes da avalancha se produciran advertencias e queixas por parte de visitantes ante o persoal da organización respecto da situación no túnel. A segunda gran pregunta é por que se decidiu que para acceder á entrada principal do Love Parade houbese que atravesar un estreito túnel construído nos anos sesenta, duns 10 metros de ancho e sen saídas de urxencia.Para sorpresa das decenas de xornalistas que asistiron á roda de prensa retransmitida en directo pola televisión privada N-TV, Rabe aclarou que, contrariamente ao que se difundiu inicialmente nos medios, ningunha das vítimas mortais faleceu no interior do túnel construído nos anos 60 e de 10 metros de ancho. Os falecidos perderon a súa vida nas ramplas circundantes ou ao tratar de rubir por unha escaleira, principalmente no lado oeste da entrada.
Un voceiro dos organizadores, Björn Köllen, remitiuse á investigación xudicial ó ser interpelado sobre a existencia dunha única porta de entrada ao recinto festivo, situado na antiga estación de mercancías de Duisburg. Schmeling, pola súa banda, explicou que pouco antes da traxedia a policía habilitou un segundo acceso. O policía aclarou que en ningún momento se pecharon as portas da Love Parade.
Tanto Rabe como o principal organizador da festa tecno, Rainer Schaller, mostráronse absolutamente consternados na comparecencia de prensa conxunta sobre a traxedia, da que nos medios alemáns se responsabiliza directamente ós seus xerentes.
Schaller anunciou que abandona a organización da Love Parade, nacida hai 21 anos en Berlín. Tamén se coñeceu que a festa do ano próximo, prevista na próxima cidade de Gelsenkirchen, queda anulada.
Un dos aspectos máis criticados da traxedia, a actuación da policía, era matizada onte por Schmeling. Fronte ó que aseguraron os medios alemáns, que só 1.200 axentes estaban ó cargo da seguridade na cidade, o xefe de Policía dixo que eran 4.000, máis un milleiro de axentes de seguridade privados dentro do recinto. Rabe sinalou que non podía confirmar que onte na contorna da Love Parade houbese ata 1,4 millóns de persoas. Schmeling dixo que só podía asegurar que entre as nove da mañá e as dúas da tarde chegaron á estación de trens de Duisburg 105.000 persoas.
O responsable do dispositivo de seguridade en Duisburg subliñou que o aforamento do recinto da Love Parade era dunhas 300.000 persoas, e que no momento da traxedia non estaba cheo. Moitos medios de prensa alemá criticaron hoxe que se habilitase un espazo de 230.000 metros cadrados para a festa, cando normalmente nos últimos anos a Love Parade atraeu máis dun millón de persoas nos seus distintos certames.
A festa proseguiu despois da traxedia
A festa continuou, a pesar da traxedia, xa que as organizacións e responsables de seguridade calibraron de perigoso interrompela, por temor a novas escenas de pánico e ante a actitude agresiva dalgúns participantes.
Dúas "erasmus" españolas entre os dezanove falecidos
As dúas españolas falecidas pola avalancha humana na cidade alemá de Duisburgo durante a celebración da Loveparade son dúas estudantes do programa Erasmus na Universidade de Münster (Renania do Norte-Westfalia). Trátase de Clara Zapater, estudante de Psicoloxía; e Marta Acosta, que cursaba estudos de Filoloxía Inglesa. Ambas tiñan 22 anos e atopábanse en Duisburgo celebrando a fin de curso co resto dos estudantes Erasmus. Tiñan previsto regresar a España a semana que vén.
A cifra de vítimas mortais na traxedia desencadeada onte na Loveparade de Duisburgo (oeste de Alemaña) ascendeu a 19 mortos e os feridos a 342, segundo as últimas cifras dadas a coñecer onte pola policía. A máis multitudinaria festa "tecno" do mundo disolveuse de madrugada, de acordo ó inicialmente previsto, con apenas uns miles de afeccionados no recinto próximo á estación de mercancías onde se produciu a avalancha humana e na que se concentraron ata 1,4 millóns de persoas.
45 feridos están en estado moi grave
Segundo os datos policiais, 16 persoas morreron nese lugar, mentres que outras tres faleceron posteriormente como consecuencia das súas feridas. A policía non deu máis detalles acerca do grao de gravidade dos feridos, que inicialmente se cifraron nun centenar -dos cales, 45 estaba en situación moi grave ao peche desta edición-. No momento da avalancha (sobre as 15.00 GMT), polas rúas de Duisburgo e no recinto próximo á estación de proximidade, concentráronse ata 1,4 millóns de afeccionados ó "tecno" ansiosos de participar na festa. A situación escalou ante a presión da multitude atrapada dentro do túnel e producíronse encontróns entre os que querían saír e os que pretendían acceder, como fose, ó recinto.
