Hemeroteca web
|
RSS
Martes 22.05.2012
| Actualizado 12.06
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, admitiu onte que Galiza se atopa "moi pouquiño" por baixo da media estatal en atención e pagamento a dependentes, aínda que subliñou que ningunha comunidade cobre "o 100 por cento" das súas obrigacións. Dito isto, pediu "reflexión" a "as administracións competentes" dada que "non hai eficiencia nin efectividade" na tramitación da Lei de dependencia.
Preguntada en rolda de prensa sobre un informe da Asociación Estatal de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais que sitúa a Galiza por encima da media española en desatención e como quinta comunidade con maior número de dependentes sen prestación, Mato admitiu estes datos e apostou por "seguir traballando" para alcanzar a cobertura total. No entanto, destacou que, desde o cambio de Goberno na Xunta, Galicia "pasou de ter a un de cada catro dependentes atendidos" a contar con "dous de cada tres". Así as cousas, puxo de manifesto o "esforzo" do Goberno autonómico, tanto en materia financeira como de formación e de desenvolvemento de aplicacións informáticas para a axilización dos expedientes.
A maiores, sobre o citado informe, Mato interpretou que deixa patente que "ningunha comunidade cumpre co obxectivo da lei", polo que considerou "evidente" que "non hai nin a eficiencia nin a efectividade que se esperaba na tramitación da lei". "Constátase que todas as autonomías temos moitos problemas para cubrir o 100 por cen dos dependentes", concluíu.
Accións destinadas a profesionais do Sergas
Como medida para axilizar a lei, a conselleira de Traballo e Benestar anunciou onte a posta en marcha dun plan de formación en dependencia para os empregados públicos e para os coidadores non profesionais, que se levará a cabo en colaboración coa Escola Galega de Administración Pública (EGAP), en virtude dun convenio asinado co director da EGAP, Pablo Figueroa. O citado convenio estipula que o persoal de Dependencia poderá participar nas actividades da EGAP e que ambos os departamentos poderán pór en marcha "conxuntamente" cursos, xornadas, seminarios e outras actividades de divulgación -edición de libros, publicación de traballos e proxectos de investigación, entre outros-. En todo caso, as accións que se leven a cabo estarán dirixidas aos profesionais dos equipos de valoración de dependencia, discapacidade e incapacidade e ós profesionais do Sergas.
Creación de novos traballos
"Cremos que os servizos sociais poden crear moitos empregos", incidiu Mato. Ao tempo que se "mellora" a atención aos dependentes, "constitúese unha oportunidade para o día de mañá".
